Thursday 02 de May de 2024

O Concello logra reducir en máis da metade o período medio de pago


· Sandra Insua informou en pleno de que no terceiro trimestre o período medio de pago foi de 31,21 días, cando no anterior foi de 71,35 días.

· O goberno local está traballando para regularizar a situación da tesourería municipal e no último ano licitáronse 66 contratos.

O goberno local de Camariñas está a executar o seu plan para regularizar a situación da tesourería municipal e o traballo realizado durante os últimos meses comeza a dar os seus froitos, reducindo en máis da metade o período medio de pago.

Onte, xoves 28 de setembro, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, informou no pleno ordinario de que neste terceiro trimestre o período medio de pago foi de 31,21 días, reducíndose considerablemente con respecto ao trimestre anterior, que foi de 71,35 días.

Ademais, a rexedora salientou o gran esforzo que se está a facer para licitar unha serie de contratos recorrentes de servizos imprescindibles para o funcionamento normal do Concello e que supoñen unha importante carga económica.

“Temos un total de 66 expedientes de contratación tramitados neste ano ata agora, se por min fose, licitaría todos estes contratos, pero facelo dunha estocada cos medios dos que dispoñemos, cunha secretaria, unha interventora e un só administrativo, é imposible”, explicou.

Esforzo licitador

Agora mesmo estase licitando a limpeza de locais e edificios municipais, a adquisición dun cadro eléctrico e bomba para o bombeo de augas residuais do porto de Camariñas, o proxecto de obras de Trasteiro e o proxecto de obras de Dor.

Este ano lévase licitado a obra de Ramón Noguera, a de Lingunde, a depuradora de Xaviña, o desbroce, o renting do camión do lixo, o asesoramento xurídico de Servizos Sociais, a protección de datos, a maquinaria para o bombeo de auga potable, os seguros, a bomba para bombeo de Area da Vila, os servizos para a Mostra do Encaixe, os controis de calidade das obras, as actuacións da Rede Cultural, a información turística, a aplicación informática de recadación, a execución do proxecto Xuventude con Talento, as execucións das obras en Agranova, a obra en Forniños, no Campo da feira, en Portocelo-Atalaia, Bico, Mourín, Pías e Liñares, Rozas, no campo de fútbol, en Brañas Verdes e Alto da Vela, a compra de contedores de lixo ou o triturador para o tractor, entre outros.